Como eliminar o plumacho ou Herba da Pampa e outras especies invasoras como a ‘Uña de gato’?

Nos últimos anos, tanto a administración como os propietarios particulares teiman en poñerlle freo á Herba da Pampa, coñecida máis comunmente como plumacho. Trátase dunha especie invasora que está colonizando sobre todo a franxa cantábrica e atlántica da Península Ibérica. Conexións viarias, leiras, terreos e montes sofren o seu ataque. O avance desta e outras especies invasoras como a ‘Uña de gato’, a Mimosa ou a Robinia, supoñen danos económicos, sociais e, sobre todo, ambientais. Rompen o equilibrio do ecosistema e danan a contorna.

 

En Molime Viales levamos a cabo a eliminación desta especie combinando dúas técnicas: a roza e a aplicación de herbicidas. Comprobouse que a queima da planta non resulta eficaz. Moi ao contrario, favorece a súa proliferación posteriormente cando rebrota e a foresta do contorno non pode facerlle fronte debida a que o lume liquidouna.

 

O que outrora puido parecer unha especie exótica de atractivo aspecto, moi utilizada como elemento decorativo, pasou a converterse nunha praga que ameaza a paisaxe galega. Coloniza territorios sen que o seu avance pareza ter un final.Tanto, que se considera unha planta invasora e un perigo para a biodiversidade.

 

As medidas de contención ante o avance desta especie, que ten como nome científico Cortaderia Selloana, non están a ser suficientes. Estradas, escampados, terreos particulares, parcelas sen cultivar ou sen edificar, son algúns dos lugares onde esta especie invasora campa ás súas anchas.

 

A Herba da Pampa limita o crecemento de especies autóctonas. Coloniza territorio usurpando espazo a outras plantas grazas á súa alta capacidade de supervivencia e a súa adaptación ao medio.

 

Trátase dunha variedade botánica orixinaria do sur de Sudamérica, en concreto da rexión pampeana, da que toma o seu nome, e da Patagonia. Aínda que a súa denominación máis estendida sexa a de Plumacho, coñéceselle con outros nomes como cola de raposo, plumerillo, carrizo da Pampa, plumeiro, gimnerio, palla penacho, paina, cortaderia, ou os xa mencionados Herba da Pampa e Cortaderia Selloana.

Difícil de erradicar e colaboradora dos incendios

O plumacho conta con raíces profundas e grosas que dificultan a súa extracción e a súa eliminación. Coloniza principalmente áreas sen cobertura vexetal e colabora na propagación de incendios tras os cales, ademais, rexorde e aumenta a súa presenza a unha extensión maior.

 

A súa plantación está prohibida e a súa erradicación é complicada. Eliminar a Herba da Pampa é máis difícil do que parece. Existen diferentes técnicas que buscan que esta planta non se volva reproducir tras a súa extracción, algo que non sempre se consegue se non leva a cabo de maneira profesional. En Molime Viales optamos por unha técnica mixta. Tras un primeiro paso no que se arrincan as plantas de maneira manual ou mecanizada (segundo proceda) retirando as raíces, pásase a aplicar un tratamento químico sobre o lugar de posible rebrote. Esta suma de roza e herbicida conta cunha eficacia na eliminación das plantas do 90%.

 

A queima non é efectiva. Rebrota mesmo con máis forza, xa que co lume elimínase tamén o resto da foresta da contorna. Isto fai que a planta da Cortaderia Selloana, cando rexorde, non conte con rivais para obstaculizar o seu avance.

 

É crucial atacar o brote antes de que se estenda. En canto detectemos a presenza nun terreo dun exemplar de Herba da Pampa debemos proceder á súa eliminación canto antes. Proliferan rapidamente a través do aire. De feito, os alérxicos ás gramíneas teñen nesta planta un inimigo declarado. A expansión da semente prodúcese a través do plumeiro ou pulmacho que se atopa na parte superior da planta. As sementes son arrastradas polo vento que as traslada polo territorio favorecendo a súa propagación. Atallar o problema de raíz, nunca mellor dito, é crucial. Canto menos deixemos avanzar a esta praga menos recursos teremos que empregar en erradicala.

Control doutras especies invasoras como a ‘Uña de gato’, a Mimosa ou a Robinia

A presenza invasora de plantas foráneas non se limita ao plumacho. Outras variedades botánicas supoñen tamén un problema para a biodiversidade en Galicia. É o caso da Robinia, a ‘Uña de gato’ ou da Mimosa.

 

A Robinia ou Robinia pseudoacacia modifica o estado natural do terreo que ocupa, producindo un chan rico en nitróxeno. Esta circunstancia favorece a presenza de especies que terminan por desprazar a flora autóctona. En Molime Viales controlamos o seu avance a través dunha eliminación da planta arrincándoa de raíz ou cortándoa pola base, logo aplícase un herbicida sobre a cepa.

 

A ‘Uña de gato’ ou Carpobrotus edulis tamén modifica as condicións dos chans nos que se asenta pondo en dificultades ás demais especies coas que convive. Por exemplo, a terra acumula sales, redúcese a dispoñibilidade de nutrientes e altérase a acidez do chan. Para o seu control, en Molime Viales procedemos á súa eliminación cun traballo manual de retirada completa das plantas. O maior hándicap reside en que adoitan situarse en terreos en pendente que complican estas tarefas.

 

No caso da Mimosa ou Acacia dealbata estamos ante unha especie invasora cunha gran capacidade de implantación sobre a superficie que decide colonizar. A Mimosa produce unhas sustancias que frean o xermolo doutras plantas e son outra das especies que favorece a propagación de incendios. A maneira de eliminar esta variedade botánica é a través do arranque manual ou mecanizado da Mimosa desde a súa raíz. A outra opción é cortar a árbore pola base e aplicar un herbicida sobre a cepa inmediatamente despois do seu corte.

 

Outras especies exóticas invasoras que afectan ó territorio galego son: a Acacia negra, a Crocosmia ou o Helecho de auga. Todas elas poden chegar a provocar a desaparición doutras variedades botánicas alterando gravemente o equilibrio dos ecosistemas nos que se desenvolven. Persoas, animais e plantas sofren a súa invasión, que se inicia de maneira inofensiva e termina por resultar un claro prexuízo que orixina danos de carácter económico e ambientais.